O sábado anterior vaise revisar e limpar o espazo, por se, algún “fento atrevido” botou as orellas fora, e pouco máis, pois o manto de follas secas mantén aos intrusos a raia.
No día, dende as primeiras horas, comeza a trasfega das familias para coller sitio e montar as súas mesas. Ás once, o pulpeiro fai lume e bota o polbo nas potas; e comezan a estoupar os primeiros foguetes. Á unha, O Castriño ferve de xente da aldea que, por familias, vai ocupando e enchendo as mesas de viandas, postres e licores que darán de sobra para comer, e dar a proba ao veciño; e merendar, se quedan forzas, á noitiña.
O viño e a auga son gratis. Ese día, a fonte do Castriño bota de balde auga e viño. A música das gaitas está garantida, xa que alí estamos todo o grupo O Castriño e outros amigos; así como as conversas, un tute, a brisca de seis, os cantares nas mesas, os contos e algúns aturuxos.
Deste xeito, imos empuxando ao reloxo de tal maneira que, ao pouco de chegar, xa estamos recollendo a mesa, cos últimos raios do día. E, de volta para a casa, iremos arrancando follas do almanaque e descontando os días para o próximo xantar.
Dalle click aquí, para ir a sección de fotos.