A FESTA DOS CATIVOS
No ano 2003, a xuventude de Rebordechán residentes na aldea así como os veciños de fin de semana ou vacacións, organizamos unha acampada libre na zona, ca fin de convivir xuntos uns días e coñecer mellor o lugar das nosas raíces.
A acampada, por circunstancias alleas, tivo que suspenderse dous días antes do previsto, polo que tiñamos comida xa comprada (leite, cacao, biscoitos, etc.). Con todo o que sobrou, buscando unha opcións para empregalo, ocorréusenos organizar para o sábado seguinte, unha festa para os máis pequenos da aldea.
Así naceu, sen buscalo, A Festa dos Cativos, tomando como elemento principal o da acampada: “coñecer a aldea e fortalecer as relacións veciñais”.
E por iso, que A Festa dos Cativos comezaba pola mañá cunha ruta con pequenos comendo no monte e, pola tarde, continuaba con xogos para todos de 0 a 100 anos, risas e conversas, pechándose cunha chocolatada.
A Festa dos Cativos vense celebrando ininterrompidamente todos os anos dende o seu nacemento, un sábado do mes de agosto, previamente anunciado.
Hoxe permanece coas actividades de pola tarde (xogos para todos e chocolatada) e xa trascendeu a parroquia; polo que son moitos os nenos da zona que se achegan a disfrutala e sempre levan un agasallo que os anima para o ano seguinte.