A NOITE DA MOURA
Os compoñentes da Asociación Cultural Amistade de Rebordechán, despois de consolidar a recuperación das festas tradicionais (Cantar os Reis, O Entroido e o Magosto), levar a cabo a implantación de novas festas (a Festa dos Cativos e o Xantar do Castriño) e tendo xa “corpo e vida propia” o grupo de Gaitas O Castriño; propuxémonos crear unha festa onde poder encaixar o legado cultural, castrexo de lendas, etc., que temos na aldea, unha festa onde os asistentes puideran bailar e divertirse ao son da música tradicional, unha festa na que, como en todas as boas festas de aldea, se comese e se bebese ata “tocarlle co dedo”.
Deste xeito, naceu a Noite da Moura, unha festa tipo serán que viu a luz no ano 2009, e que ten xuntado nunha noite a máis de vinte grupos de música.
O fío condutor baséase nunha lenda que afirma que “nunha noite do ano, a danza dunha moura encantada facía que as cagalletas dunha cabra se convertesen en pepitas de ouro coas que se regalaba fartura da que disfrutar, aos habitantes todo o ano, e estes agradecíanllo aos deuses tocando gaitas e tambores, comendo carne de porco, bebendo viño baixo o orballo ata o raiar do novo día, para ver bailar o sol cunha cunca de caldo na man”.
Co guión case escrito, a Noite da Moura, que se celebra todos os anos a rente ao San Xoán, componse de:
- A queima das herbas polo feiticeiro dos castros
- A Danza da Moura
- A saída da cabra
- Carne de porco, viño e caldo de balde
- A actuación de grupos de música tradicional convidados, moitos dos cales veñen “pagando” a actuación que o noso grupo O Castriño lles fai no seu serán e co que, “ao final da rolda”, acabamos sendo un grande grupo de amigos que defendemos a nosa cultura e tradicións.